Thursday 09 de May de 2024

O PSOE de Trazo impugnará os orzamentos municipais ao detectar varias irregularidades


 

A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, explica que “o alcalde intenta aproveitar a aprobación dos orzamentos para tratar de regularizar unha situación persoal que non é regularizable”

O PSOE de Trazo presentará unha impugnación aos orzamentos municipais do Concello de Trazo para 2018, aprobados na sesión plenaria celebrada esta tarde. A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, explica que “os socialistas votamos en contra da aprobación dos orzamentos porque conteñen varias irregularidades, como que o alcalde intente aproveitar a súa aprobación para tratar de regularizar unha situación persoal que non é regularizable”.

Os socialistas pediron ao alcalde, Xosé Dafonte, que explicara ao pleno o contido dos capítulos II e VI dos orzamentos, unha petición á que se negou o dirixente do Partido Popular sen dar razón algunha. “Non pode explicar nada porque non ten nin idea do que ten enriba da mesa”, indica Beatriz Domínguez, quen adianta que “nós si que nos molestamos en miralos e imos presentar unha impugnación polas irregularidades que atopamos no documento”.

Entre esas irregularidades destaca o intento de regularizar nas bases de execución dos orzamentos de 2018 unha situación persoal do alcalde que non é regularizable, así como o feito de que o Concello só presentou a medias o estado de execución do orzamento de 2017: ata o 30 de xuño de 2017, en vez do ano completo. “Esta é a razón pola que nalgunhas informacións publicadas estes días sobre a débeda do Concello de Trazo e o pago a provedores non figuraban datos oficiais, porque a 20 de marzo de 2018 aínda non foron quen de pechar os datos de 2017”, apunta Domínguez Siaba.

Documentación entregada o día antes

Os socialistas volveron lamentar que o alcalde de Trazo continúe incumprindo a lei e siga poñendo trabas ao dereito dos concelleiros socialistas a ter acceso á información municipal, sobre todo dos asuntos que se van tratar no pleno. “Estamos falando do pleno máis importante do ano e o señor Dafonte nos convoca tres días antes e sen enviarnos a información dos asuntos que se van tratar”, indica Beatriz Domínguez.

De feito, a convocatoria do pleno tivo lugar o pasado martes 20 de marzo e os socialistas só conseguiron acceder á documentación dos Orzamentos de 2018 onte xoves 22 de marzo, logo de presentar unha petición escrita presentada polos socialistas. “Non só nos convoca co mínimo legal para que non teñamos tempo para documentarnos”, indica Beatriz Domínguez, “senón que tivemos que esixilo por escrito o último día antes do pleno. Todo é poñer trabas e dificultar o noso labor como oposición, pois é moi complicado examinar documentos de tanta importancia en tan pouco tempo. O normal é entregar a documentación coa convocatoria do pleno”.